Sunday 30 de June de 2024

San Sadurniño recolle 155 comunicacións previas de fogueiras do San Xoán


O San Paio de Ferreira de abaixo coincide este ano coa fin de semana grande das cacharelas

Este mércores 19 pechou o prazo dado polo Concello de San Sadurniño para efectuar as comunicacións previas das fogueiras do San Xoán e do San Pedro, coñecidas tamén como “saltas” polo costume de chimpar por enriba do lume para espombar a mala sorte. En total recibíronse 155 escritos, na súa maioría para lumeiradas domésticas que se desenvolverán esta fin de semana, sobre todo na noite do sábado. Canda as cacharelas máis ben recollidas que se fan na casa tamén haberá outras algo máis concorridas convocadas polas entidades veciñais. Temos información completa de dúas delas previstas para este sábado: a organizada pola AVV Adiante en Igrexafeita e a do Castelo de Narahío no local social da Veiga, que coincidirán ademais co primeiro día do San Paio de Ferreira.

A Asociación Veciñal O Castelo de Narahío organiza unha noite de San Xoán ao pé do campo de fútbol que comezará con música a iso das 22:00h. Este ano as artistas convidadas son o Dúo Boreal, que ofrecerán dous pases ao longo dunha noite presidida polo lume do solsticio, pero tamén polas tradicións e rituais como o floreo das portas e fiestras ou a preparación da auga para lavar a cara na mañá do 24 de xuño.

A asociación veciñal informa de que durante a noite se servirán distintos petiscos canda as consumicións, Tamén haberá unha queimada que se conta preparar á medianoite, xusto despois de plantarlle lume á salta.

En Igrexafeita reuniranse arredor do lume tamén na noite do sábado. O encontro está posto para as 21.00h no local social da Torre e antes de prende-lo lume do San Xoán comeranse sardiñas e chourizos -ademais de pan, bebida e doce de sobremesa-, ao prezo de 3€ as persoas socias da AVV Adiante e 8€ as que non o sexan.

Para asistir á salta de Igrexafeita -na que adoita reencontrarse boa parte da parroquia- había que anotarse este mércores como moi tarde. Con todo, quizais haxa posibilidade de facelo aínda hoxe chamando ao 696 912 975 ou ao 650 484 580.

A noite finalizará co prendido da lumeirada a iso das 23:30h. Ademais, entre as nove e as once da noite, a asociación contará con animación para as nenas e nenos máis pequenos con La GuaGua.

San Pedro en Lamas a semana que vén
A celebración do San Xoán -ou do solsticio, como se queira- é unha tradición que aínda goza de boa saúde. Non así a do San Pedro, que perde peso a cada ano que pasa. Con todo, aínda quedan sitios onde lle teñen “aquela cousa” ao santo. Un deses lugares é Lamas, onde a AVV Xuntanza organiza o sábado 29 un xantar popular que ten abertas as inscricións até o día 24 a través do teléfono 618 838 760 ou 664 203 738.

O menú servirase a partir das 14:00h e estará composto por empanada e entrantes, paella, sobremesa, pan, bebida e café. O prezo son 20€ para persoas non socias e 16€ as socias da entidade. Menores de 12 anos, gratis.

Ferreira de abaixo inaugura esta finde as festas estivais
E en paralelo coas cacharelas, Ferreira estreará esta fin de semana o calendario festivo do verán honrando ao San Paio con dous días de troula ao pé do local social da Seara. O programa é o seguinte:

Sábado 22 de xuño: Misa ás 13:00h e sesión vermú ao seu remate animada pola orquestra D’Noche. A continuación haberá un xantar popular (con dereito a cea) a base de paella, churrasco, sobremea, café e bebida ao prezo de 30€, 12€ rapazada de 7 a 12 anos e gratis para menores de 6 anos. Os tíckets hai que reservalos nos teléfonos 698 125 918, 626 961 401 ou 636 329 076. A verbena do sábado contará coas actuacións de D’Noche e Son II. Ademais, quen non fose xantar poderá cear liscos, chourizos e pan por 10€.
Domingo 23 de xuño: Volverá haber misa na igrexa parroquial seguida de sesión vermú co grupo Antha. Pola noite non hai festa.
Peche das escolas
Enviamos unhas fotos da clausura da Escola municipal de Música moderna, celebrada no serán deste mércores na Casa da Cultura.

Unha trintena de intérpretes -practicamente todas e todos sen experiencia- ofrecéronnos un recital memorable ao piano, a batería, a guitarra, o baixo, o bombardino, a gaita, a pandeireta… con pezas de todos os tempos e todos os estilos, desde a clásica de Beethoven até o folc de Luar na Lubre, pasando polo pop de Michael Jackson ou For non Blondes.

Incluso a poesía de María Teresa Pouso, a alumna máis veterana da escola dirixida por Xoán Leis, atopou oco no programa coa lectura de varias das súas composicións acompañadas ao vivo por unha guitarra.

A velada final de temporada de Música moderna irá seguida mañá venres ás 18:00h do peche das escolas de pandeireta, baile tradicional e gaita. Será na área recreativa da Piscina e tamén teremos o espectáculo de narración oral e música “Tralalareira”, con Vero Rilo e Santi Cribeiro.

Deja un comentario